ESCOLAS QUE SABEN

MANIFESTO

Cada día, millóns de nenas e nenos comen en comedores escolares. E cada día, cos nosos impostos, mércase comida que deu a volta ao mundo antes de chegar á mesa. Non é só unha cuestión de quilómetros: é o impacto na saúde, na economía, no territorio, no clima. O resultado? Diñeiro público que alimenta ás grandes distribuidoras, mentres o campo de aquí nin sequera pode competir. Isto non pasa porque si. Pasa porque os requisitos que pon a administración para elixir a quen mercar favorecen a quen máis ten, non a quen mellor o fai. Son decisións políticas. E poden cambiarse. Outro modelo é posible.

Existen xa escolas que saben que se pode facer doutra maneira: escolas que saben que empresas hai detrás de cada menú. Escolas que demostran cada día que mercar produtos frescos, ecolóxicos, de proximidade e de tempada elimina intermediarios, reduce custos e inxustizas. Queremos que as escolas que saben deixen de ser a excepción e pasen a ser a norma. Que o que pagamos non financie a explotación laboral ou a devastación ambiental, nin aquí nin noutros países. Que as cociñas de verdade sigan existindo. Agora hai unha ventá aberta e temos que organizarnos para facer efectivos os nosos dereitos. En abril de 2026 entra en vigor un novo decreto sobre comedores escolares que, aínda que recoñece o dereito a unha compra pública sostible, queda curto á hora de garantilo.

Pode que te preocupe a saúde dos teus fillos e fillas ou o despoboamento do campo. Quizais o teu sexa o clima e ves absurdo que traiamos comida da outra punta do mundo, ou que se vulneren os dereitos de quen a produce en países lonxanos e aquí mesmo. Ao mellor só queres saber en que se gastan os teus impostos, ou paréceche unha contradición que na clase se fale de coidar o planeta e no comedor se faga o contrario. Pode que as túas preocupacións sexan outras ou que algunhas das expostas che parezan esaxeradas. Pero iso non importa. Os grandes cambios conséguenos quen empuxa na mesma dirección, aínda que non pensen exactamente igual.

A compra pública alimentaria nas escolas debe cambiar para que deixe de favorecer a quen domina o mercado e favoreza a saúde das nenas e dos nenos. Asinamos este manifesto porque sabemos que este cambio é posible e esiximos garantías.

Somos escolas, organizacións, produtores, familias, sindicatos, administracións e empresas que sabemos que a compra pública de alimentos nos afecta a todas e debe cambiar.